Thursday 25 de April de 2024

O Concello saca a licitación cinco proxectos de mellora de vías municipais por 273.000 euros


• O proceso de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 18 de agosto.

• Executaranse arranxos nos núcleos de Vila, Souto, Espiga, Pena de Eiriz e Recemel, entre outras zonas do termo municipal. Inclúese financiamento por parte da Consellería de Medio Rural e da Deputación da Coruña.

O Concello das Somozas acaba de sacar a licitación cinco de proxectos de mellora na rede de vías municipais cun orzamento de 273.383,74 euros. O proceso de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 18 de agosto.

Entre estas actuacións está a renovación da pista entre Vilastriz e Montecalvo cun orzamento de 72.511,51 euros. Por outra banda, actuarase nos núcleos de Vila, Souto e Espiga por un importe de 55.123,96 euros, neste caso con financiamento da Consellería de Medio Rural a través do Plan de mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022.

Tamén se inclúe a mellora do firme das vías de Ramez – Seixas e Pena do Pazo por 59.776,15 euros. Neste proxecto cóntase con financiamento do POS+2021 da Deputación da Coruña.

Actuarase, á súa vez, no treito entre Seixidal e Cardexo con cargo ao POS+ Adicional 2020 cun orzamento de 50.972,11 euros. O derradeiro proxecto supón o acondicionamento das marxes de varias vías nos núcleos de Toca, Pena de Eiriz e Recemel, entre outros, por un importe de 35.000,01 euros.

O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou a importancia de “seguir mellorando As Somozas en materia de infraestruturas, neste caso actuando na rede viaria, para que a veciñanza poida circular polo municipio en condicións de seguridade”.